"Quérote falar!" maio, mes da lingua |
![]() “QUÉROTE FALAR!“ é o lema que engloba as actividades que a área de Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Sarria desenvolverá ao longo de todo maio, o mes da lingua galega. Esta proposta busca por en valor, de xeito positivo e lúdico, o emprego do galego na infancia, motor indispensable para a pervivencia da lingua. Así, boa parte das iniciativas deste mes están destinadas ao público infantil e mozo. Precisamente os nenos e nenas son os destinatarios da exposición que hoxe se inaugura no CEIP Frei Luis de Granada que, co título “O GALEGO TAMÉN NOUTROS MUNDOS”, fai un percorrido histórico e xeográfico polo emprego da lingua e a cultura galega en distintos países e ámbitos, desde o recoñecemento universal das Cantigas medievais, ata o emprego da nosa lingua por poetas como García Lorca, o éxito mundial da música galega ou o valor engadido da lingua no eido da publicidade e do márketing. A mostra circulará polos centros educativos de Sarria durante os meses de maio e xuño. Ademais, os centros públicos e privados de Infantil e Primaria do concello gozarán dun concerto musical, a cargo do cantante Magín Blanco. Os IES da vila terán a actuación poética e musical de María Lado e Lucía Aldao, co espectáculo “MOITA POESÍA POUCA DIVERSIÓN” que reflexiona sobre o uso e a promoción da lingua galega.
Fóra do ámbito escolar, o mes da lingua conta con numerosas propostas culturais, entre as que destacan: Odaiko + Banda de música de Sarria. Vaia Banda.14 maio | 20h. Praza da Vila. Carlos Blanco. Os mellores monólogos.16 maio | 20:30h. Praza da Vila. Festival poético-musical e teatral organizado pola Asociación Sarricanta.17 maio | 20h. Casa da Cultura. Paco Nogueiras. Brinca Vai! 2.0.20 maio | 18:30h. Casa da Cultura. Os sete magníficos +1. A Galiña Azul.21 maio | 18:30h. Casa da Cultura.
Programa actividades Quérote Falar! Presentación marca GALEGOZA da Consellería de Cultura Concello de Sarria 17 maio | 17h. Paseo do Malecón. Festa Infantil GALEGOZA 17 de maio | 17:30h. Paseo do Malecón.
|